Thursday 19 de September de 2024

MercaEscola entra na súa recta final cunha charla de Alfonso Mariño coincidindo coa Semana Europea contra o Cancro


As persoas que participan nesta primeira aula de formación para adultos realizaron a semana pasada unha visita a Sogama e unha ruta polo ciclo da auga

Despois dunha semana moi intensa, que incluíu unha visita ás instalacións de Sogama en Cerceda e unha ruta guiada por Gestagua desde a captación do río Bardoso ata a depuradora da Cepeira, o alumnado de MercaEscola encara a recta final desta primeira aula de formación para adultos, na que participan máis de trinta persoas.

Nas actividades da semana pasada, os alumnos e alumnas estiveron acompañados polo concelleiro Miguel Vales, na visita a Sogama, e por Ramón Varela e Maruxa Suárez no percorrido polo ciclo da auga.

Este xoves, coincidindo coa Semana Europea contra o Cancro, que se celebra todos os anos do 25 ao 31 de maio, recibiremos a visita de Alfonso Mariño, director médico do Centro Oncolóxico de Galicia. E o 6 de xuño remataremos MercaEscola coa cuarta e última das charlas informativas ofrecidas polo Instituto Galego de Consumo nas últimas semanas, nesta ocasión para falarnos sobre consumo responsable e decisión de compra. En ámbolos casos, as sesións comezarán ás 17.00 horas.

MercaEscola inclúe un total de 13 actividades repartidas en tres bloques: consumo, saúde e medio ambiente. A falta das valoracións finais, a acollida a todas as actividades está sendo moi boa.